indice

 
XIL RÍOS - BIOGRAFÍA

Xil Ríos é unha das figuras máis emblemáticas e prolíficas da música galega. Leva case 40 anos dedicándose ao mundo da música,
catro décadas nas que editou 27 discos orixinais, o último deles Son da alma. Aínda que desde neno participou nas rondallas e corais de Moaña,
foi en 1971 cando Xil Ríos comezou de cheo coa súa carreira,
curiosamente da man dun futbolista do Celta, Polito Baillo,
que daquela compuxo para o festival Bahía de Vigo, Un anaco de pan,
un tema que Xil interpretou no concurso quedando no segundo posto.
Aquela actuación valeulle un contrato coa discográfica Phillips, coa que traballou durante máis de 14 anos. Dous anos despois, Xil Ríos gañou o Festival do Miño de Ourense, un dos máis importantes da época en España, coa canción Miña Maruxiña, do seu terceiro álbume, un disco que incluía outro dos grandes éxitos do artista pontevedrés e a súa primeira letra, Nosa Galicia, unha canción sobre a emigración. Logo de iniciar a súa carreira na canción protesta, Xil Ríos acadou o seu maior éxito a principios dos 80 cando gravou, baixo a produción de Juan Pardo e nuns estudos de Londres, o tema Xirarei, que aínda hoxe é un dos grandes himnos da música galega. O bombazo do tema foi tal que foi preseleccionado para o festival de Eurovisión, polo que Xil chegou a gravar a canción en castelán. O seguinte disco, Rapaciña bonita, tamén chegou ao máis alto das listas de vendas e popularidade do momento, facendo de Xil Ríos un clásico das verbenas e escenarios de toda Galicia.
Nos últimos anos, Xil Ríos apostou pola innovación cos discos Vai e vén, o máis folk da súa carreira, e o recente Son da alma, con sons caribeños.